Do primitivo caos naceu a escuridade. Nada tiña existencia nin movemento, e tanto no ceo como no mar habitaba soamente o silencio. Foi entón cando Hunab-Ku, o deus solitario, descendeu para convidar as outras deidades celestiais a se unir con el nunha danza encol das augas, e así, deste xeito, o mar ficou para sempre separado do firmamento. E unha vez que cansaron de bailar estenderon unha capa de terra onde poderen repousar antes de invocar a Chaac, o deus da choiva, para lle pedir que revestise todo de plantas, flores e árbores, e por iso choveu a caldeiros, sen cesar, até que apareceu Kukulkán, o deus do vento, a gran serpe alada, e axitou con forza as ás para dotar de movemento a todas as criaturas que habitaban na terra.
Deste xeito tan literario concibían a xénese do mundo os integrantes da civilización maia, que, até a chegada dos colonizadores españois entre séculos XVI e XVII, habitaban unha terras que tiñan superficie un pouco maior que a metade da Península Ibérica e na actualidade están repartidas entre Guatemala, Belice, Honduras e O Salvador, ademais dos estados mexicanos de Quintana Roo, Iucatán, Chiapas e Tabasco, e destacaban pola presenza de numerosas cidades estado nas que rendían culto a unha inmensidade de deuses que constituían unha das mitoloxías máis misteriosas de todas cantas se coñecen, ademais de levaren máis de dous milenios a florecer até o punto de usaren o sistema de escritura máis desenvolvido da chamada América precolombiana, de teren avanzados coñecementos de matemáticas ou astronomía e de dominaren diferentes campos das artes, especialmente a arquitectura, que nos deixou un inmenso legado de impresionantes edificios entre os que podemos atopar templos, pazos, observatorios do firmamento e mesmo campos onde se practicaba o coñecido como xogo da pelota, que, de acordo cos historiadores, consistía nunha competición ritual entre dous equipos de sete membros que loitaban entre si por pasar un pequeno balón de caucho que só podían tocar coas coxas e os cadrís, a través dun aro de pedra que había nunha parede do terreo de xogo nun ambiente de absoluta rivalidade, porque os xogadores que perdían eran sacrificados no que se consideraba que era un dos xeitos máis honrosos de morrer.
Atraído coma sempre me sentín polo coñecemento de culturas diferentes da miña para intentar comprender mellor o funcionamento do mundo, tarefa que abofé que non me resulta nada doada, decidín visitar as ruínas de tres das grandes cidades habitadas polos maias na península mexicana do Iucatán antes da chegada dos colonizadores españois e comecei dirixindo os meus pasos ao estado de Quintana Roo, para me achegar ao inmenso xacemento arqueolóxico de Cobá, onde se está a traballar dende hai unha chea de anos na escavación dunha cidade fundada no século V que tivo a súa época de meirande esplendor arredor do XI, aínda que agora está tan devorada pola selva que os arqueólogos teñen un inxente traballo por diante.
É un conxunto de ruínas tan grande, suponse que chegou a ter corenta mil habitantes, que para poder visitala tiven que alugar unha bicicleta que me permitiu percorrer apenas unha parte do inmenso labirinto do que foron os sacheob, as estradas construídas polos primeiros poboadores do lugar para comunicar os diferentes núcleos de poboación, separados ás veces por varios quilómetros, e por iso puiden achegarme aNohoch Mul, que ten a pirámide máis grande do Iucatán, aínda que por desgraza non a mellor conservada, cunha altura de corenta e dous metros que me levaron a subir por unha escaleira case vertical de cento vinte e dous chanzos que se me fixo interminábel por culpa da intensa calor, aínda que cando cheguei ao cumio pensei que o esforzo realmente pagara a pena xa que as vistas que me ofreceu da selva circundante e dos resto das ruínas resultáronme tan formidábeis que botei un longo anaco de tempo alá enriba antes de baixar.
Grazas á miña bicicleta alugada puiden achegarme a outra pirámide que aínda conserva varias pinturas e relevos e se coñece como La Iglesia porque sempre se pensou que era un santuario, aínda que non se sabe para que se puido utilizar, e tamén a lugares de nomes tan fermosos como Macanxoc, nas beiras do lago do mesmo nome, Chumuc Mal, ou Dzib Mul, só por mencionar algúns, e en todos eles fiquei abraiado pola potente forza dunha vexetación que foi quen de ir devorando pouco a pouco o esplendor dunha cidade que debeu de ser realmente fermosa.
Uns días despois visitei as ruínas de Tulum, do século IV e tamén no estado de Quintana Roo, que, como foron construídas na costa, ademais de estar bañadas pola suavidade dunha brisa que me pareceu máis que agradábel, agasalláronme cunhas inesquecíbeis vistas do Caribe, dun arrecife de coral que se estende aos seus pés e dunhas fermosas praias de area branca que me permitiron o pracer de darme un baño para sufocar a calor.
O máis sobranceiro desta cidade, rodeada por unha parede de pedra que lle servía de defensa contra os piratas, é un antigo centro cerimonial bautizado polos colonizadores españois comoEl Castillopolas súas grandes dimensións, que foi construído sobre un cantil que se asoma ao mar a quince metros de altura e na súa parte máis alta, á que se accede por unha empinada escalinata, conserva unha galería con esculturas de diferentes deuses maias que se pensa que puido facer funcións de faro que advertía os navegantes dos perigos do arrecife de coral.
As ruínas de Tulum, que serven de fogar a unha boa cantidade de iguanas, parecéronme fascinantes xa non só polo seu emprazamento na beiramar e pola fermosura de El Castillo, senón tamén porque conservan dous o tres pequenos templos, un deles dedicado ao chamado Deus Descendente, que representa o solpor, outro coñecido como Templo dos Frescos, con murais que ilustran os tres mundos nos que os maias situaban os seus deuses e puido ser utilizado como observatorio para seguir os movementos dos astros, e un terceiro que contiña unha estela que foi roubada polos ingleses e agora se exhibe no Museo Británico de Londres, malia a insistencia do goberno mexicano en pedir a súa devolución.
Para rematar este percorrido por algunhas das antigas cidades maias dirixinme ao estado de Iucatán para visitar unha das grandes xoias de México, as ruínas de Chichén Itzá, nome que significa “Boca dos sabios do pozo da auga” e fai referencia ao seu impresionante cenote, un pozo de sesenta metros de diámetro e vinte e catro de profundidade, dos cales doce están asolagados pola auga, que os habitantes da cidade. os itzaés, consideraban sagrado por ser a casa de Chaac, o deus da choiva.
Quedei pasmado cando alguén me contou que Chichén Itzá foi propiedade privada dun cónsul estadounidense que mercou o lugar no ano 1885 e encargou a exploración do cenote, de onde se extraeron varios esqueletos que confirmaron o seu uso para sacrificios rituais, e arredor de douscentos corenta obxectos de xade, ámbar, cobre e ouro que o cónsul levou aos Estados Unidos para nunca máis devolvelos. Un roubo con todas as da lei.
Chichén Itzá, que chegou a abranguer mais de vinte e cinco quilómetros cadrados, foi construída no século IX e debeu de ser unha cidade con moito poder dada a envergadura dos seus edificios, dos cales o máis sobranceiro é a pirámide de Kukulkán, a serpe alada, que ten trinta metros de altura e foi construída de acordo coas cifras do calendario solar dos maias: ten catro lados con escaleiras de noventa e un chanzos que rematan nunha única plataforma que hai no cumio, o que significa que hai que subir trescentos sesenta e cinco pasos para chegar á súa parte máis alta, o mesmo número que os días que ten o ano.
En Chichén Itzá nada deixou de sorprenderme dende que souben que esta pirámide foi levantada sobre outra máis antiga a cuxa cripta puiden acceder a través dun pasadizo moi estreito, moi empinado e moi cheo de humidade, para poder ver un pequeno templo con tres xaguares, o máis importante dos cales tiña uns brillantes ollos de xade, ou cando me contaron que nos equinoccios de primavera e outono as sombras que proxecta a propia pirámide sobre a súa escalinata norte fan o efecto dunha serpe ondulante que é capaz de congregar milleiros de persoas aos seus pés. Por desgraza non puiden ser testemuña de tal acontecemento pero iso supón unha boa desculpa para algún día regresar.
Pero si puiden ver dous templos quecompiten entre eles en fermosura, e non sabería dicir se me gustou máis o dos Guerreiros, cunha columnata que fai que tamén se coñeza como templo das mil columnas, ou o coñecido como das Monxas, nome que lle puxeron os conquistadores españois porque lles lembrou un convento, malia que nunca se usou como tal, que apenas son dous edificios máis dun conxunto arquitectónico abraiante e moi ben conservado.
Para rematar a miña visita a Chichén Itzá, fun até unha aldea que ten o fermoso nome maia de Dzitnup para baixar a un cenote chamado X’keken, onde me aseguraron que me podería dar un baño que nunca na vida habería de esquecer.
E así foi. Sempre terei na mente o inmenso pracer que supuxo para min nadar nas prístinas augas do interior dunha enorme cova asolagada e chea de estalactitas na que o único punto de luz era unha abertura no teito que permitía a entrada dos potentes raios do sol do Caribe. Unha experiencia tan máxica coma a mitoloxía dos deuses dos maias.