Soutomaior contratará 19 persoas para realizar tarefas administrativas, de limpeza e mantemento
Por Redacción
O goberno local de Soutomaior anunciou a súa intención de reforzar durante o ano 2024 o persoal municipal coa contratación de 19 persoas.
En concreto as prazas ofertadas buscarán profesionais para cubrir tarefas administrativas, de limpeza e mantemento.
"A selección deste persoal levarase a cabo de maneira totalmente transparente e en igualdade de condicións. O obxectivo é que Soutomaior conte durante a maior parte do ano con persoal que manteña arranxado o noso concello e prestar á veciñanza o servizo que se merece", explicou o alcalde, Manu Lorenzo.
A contratación estará dividida, explica o Concello, en tres bloques: 10 postos de peón forestal, que estarán dedicados a tarefas relacionadas coa limpeza e mantemento de camiños, así como a prevención de incendios; outros 4 postos de varredor, que se dedicarán á limpeza e mantemento de rúas e zonas verdes municipais; e 3 postos serán para albanel, que realizarán tarefas de mantemento de rúas, beirarrúas, instalacións municipais e outras vías públicas.
A maiores tamén está prevista a incorporación dun auxiliar administrativo e outra persoa para auxiliar da biblioteca con contratos de 9 meses de duración.
As persoas interesadas en presentarse ás ofertas terán que estar dados de alta no paro e ser solicitantes de emprego. Ademais deberán pedir cita na súa Oficina de Emprego e pedir que na súa ficha conste o código do posto ao que queren optar, que son peón forestal (95431028), varredor (94431016), albanel (7121), auxiliar administrativo (45001019) ou auxiliar de biblioteca (42101011).