Bará, centrado en exclusiva en Pontevedra e Caldas, priorizará o solo industrial, as rías e a sanidade
Por Natalia Puga
Durante a lexislatura que acaba de comezar no Parlamento de Galicia, o deputado do BNG Luís Bará ter "adicación exclusiva" á comarca de Pontevedra e Caldas e centrará o seu traballo en varias liñas prioritarias: a ampliación de solo empresarial en Fragamoreira e O Campiño; a mellora das rías; a sanidade pública; e a mellora da rede viaria con dos proxectos estrela, a variante de Alba e o vial do Vao.
O primeiro asunto que levarán a comisión parlamentaria será a dragaxe do río Lérez, que critica que "leva 14 anos paralizada" e "boicoteada nos caixóns da Xunta" do PP.
Neste asunto, está sobre a mesa unha proposta para depositar os lodos e sedimentos que se retiren da canle de navegación do Lérez no mar, nunha localización sen definir, pero que poderá ser na contorna da illa de Sálvora, na Ría de Arousa. Esa proposta non convence a Bará, que mantén que "a única saída para levar a cabo este proxecto é tratar os lodos urbanos en terra", como se fixo na Ría do Burgo, na Coruña
Neste sentido, insiste en que son "materiais sensibles" e teñen compoñentes que "poden ser potencialmente perigosos" e "o mar non é un vertedoiro, o mar non é un depósito de lixo".
Bará deu a coñecer unha batería de propostas que encabeza a ampliación do parque empresarial do Campiño (Pontevedra-Ponte Caldelas) e o impulso do polígono empresarial de Fragamoreira (Poio), que "leva 12 anos paralizado" a pesar de que o PP o presentou no seu día como prioridade.
En total, suporá o impulso de "800.000 metros cadrados fundamentais para o desenvolvemento económico e industrial de Pontevedra", cos que pretenden rematar coa "situación de estrangulamento de solo empresarial" actual.
Outra liña prioritaria de traballo está centrada na mellora das rías de Pontevedra e Vigo. Buscarán, por un lado, a mellora da calidade das augas e, por outro, a rexeneración produtiva para reverter a crise do marisqueo.
Para facelo proporán a mellora da rede de saneamento e depuración, tanto da depuradora dos Praceres como da da EDAR de Soutomaior, unha "promesa incumprida" da Xunta.
Tamén será prioridade a sanidade pública, para dar solución aos "graves problemas" na atención primaria e na pediatría e dar resposta á necesidade de construir centros de saúde en Caldas de Reis, Poio e Soutomaior e de manter o uso sociosanitario do Hospital Provincial de Pontevedra.
Tamén a rede viaria será prioridade, con políticas que xirarán arredor da seguridade viaria, accesibilidade e a mobilidade peonil e ciclista.
Neste eido, centraranse na variante de Alba, trasteada nos "caixóns da Xunta" e no vial do Vao, que o PP "leva boicoteando tanto tempo".
O propio deputado avanzou estas liñas prioritarias este venres nunha rolda de prensa na sede comarcal do BNG, na que tamén insistiu en que os nacionalistas, como primeiro grupo da oposición, xa leva semanas traballando e, nos vindeiros catro anos, "vai ter prioridade o territorio".
Nesta lexislatura pode centrarse só en 14 concellos de Pontevedra e Caldas porque o BNG ten na provincia oito deputados. Haberá un por comarca e tres en Vigo. No caso do Salnés, a encargada será a deputada de Cambados Montse Prado.
Como deputado desta comarca, o vindeiro luns comezará unha quenda de reunións en todos os concellos aos que vai representará. Comezará pola zona de Pontecesures e Valga e en dúas semanas vai recorrer toda a súa área de traballo.
Este "BNG reforzado", que logrou 25 deputados en Galicia, fará, segundo avanzou Bará, "unha oposición firme, contundente e esixente no seu labor de control e fiscalización do goberno".
Farao cunha actitude "positiva e propositiva" na que se vai presentar como "a alternativa de Goberno" ao PP "fronte á política agresiva, corrosiva, de bronca continua" do Partido Popular en toda España, da que xa "ensina la patita" en Galicia, con ataques cara ao BNG nos que "parece que nos fan oposición a nós" e non ao contrario.
Relacionadas:
-
Acto informativo do BNG en Soutomaior para tratar a situación da Atención Primaria
Por Redacción |
-
Fronte común en Monte Porreiro para defender a asistencia sanitaria infantil en Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
Rueda, proclamado por segunda vez presidente de Galicia cunha chamada para "remar todos xuntos"
Por Natalia Puga |
-
Constituído o novo Parlamento de Galicia, con pacto BNG-PSOE para a Mesa
Por Natalia Puga |
-
Os 22 novos deputados por Pontevedra, sete caras coñecidas e 15 de estrea: repiten Rueda e Bará, entra Espinosa
Por Natalia Puga |
-
O PP, primeira forza en 54 concellos de Pontevedra; o BNG, nos outros sete
Por Alejandro Espiño |
-
Ana Pontón: "Galicia xa cambiou. Esta campaña cambiouno todo e nunca nada volverá ser igual"
Por Natalia Puga |
-
Luís Bará, candidato do BNG: "Esta campaña repite o momento de cambio histórico que se deu en Pontevedra no ano 99"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |