O PSOE insta ao Concello a saldar a "perpetua débeda" que Pontevedra ten co saneamento do rural
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Socialista de Pontevedra consideran que o goberno local debe abordar "de xeito prioritario", no que resta de mandato, unha das súas "principais débedas" coa veciñanza das parroquias do rural como é o saneamento.
A través dunha moción que será debatida e votada no Pleno da Corporación, o PSOE solicítalle ao Concello "a planificación e desenvolvemento dun plan de expansión da rede de saneamento para poder conectar as centenares de vivendas que carecen dela en diversas parroquias pontevedresas".
Deste xeito piden que este servizo básico "poida chegar a tódalas casas e inmobles do rural".
Ademais, esíxelle á empresa concesionaria Viaqua que cumpra co contrato asinado en outubro de 2018 e remate "o antes posible" as obras de ampliación da rede contempladas como melloras que están pendentes en Alba, Bora, Cerponzóns, Lourizán, San Andrés de Xeve, Santa María de Xeve e Verducido.
A iniciativa foi presentada esta mañá no marco dunha rolda de prensa na que os concelleiros Marcos Rey e Yoya Blanco que sinalaron que "aproximadamente un dez por cento das vivendas situadas no rural pontevedrés non se atopan conectadas á rede de saneamento porque esta se atopa a máis de 50 metros do inmoble, tratándose de asentamentos consolidados que pagan o IBI pola parte de edificación que se cualifica no Catastro como Residencial Urbano".