Un open de clubs no Recinto Feiral completará a primeira edición do Galicia Pádel Master
Por Redacción
Do 24 ao 30 de xuño o pádel será protagonista na cidade de Pontevedra.
Son as datas nas que se celebrará o primeiro Galicia Pádel Master, competición do circuíto internacional A1 Pádel recentemente presentada, pero é que ademais a programación contará cun gran torneo destinado a clubs de España e Portugal.
Trátase do A1 Galicia Open, bautizado tamén como 'Copa de Campións Smilek' e cuxos detalles se deron a coñecer este mércores na Deputación de Pontevedra cos responsables do evento deportivo.
Á pista principal instalada no Pavillón Municipal dos Deportes, para os xogadores profesionais, uniranse tres canchas máis de xogo no Recinto Feiral para un torneo amateur que contará con catro categorías en modalidade masculina e feminina.
Os eventos paralelos do primeiro Galicia Pádel Master complétanos charlas e clínics de personalidades do mundo do deporte como Toni Nadal ou Almudena Cid, unha zona de exposición no Recinto Feiral, zona de foods trucks e tamén concertos, como o que o venres 28 de xuño darán os grupos Celtas Cortos, La Frontera y La Guardia, co humorisata Jorge Cremades exercendo de DJ.
A feira profesional de expositores abra ao público ás 18.00 horas do xoves 27 de xuño, e está previsto ademais un acto inaugural cunha actuación da compañía local Pablo Méndez Performances e un encontro de exhibición no que participarán catro xogadores de pádel de nivel mundial.