Andrés Núñez Rajoy
Eleccións en Cataluña. Crónicas charnegas
Chámanlle, os cataláns, "charnego" de xeito despectivo aos inmigrantes doutras comunidades autónomas, e que non falaban en catalán e, que acabaron residindo en Cataluña. Esta palabra ven do catalán "xarnego" ou do gascón "charnègo"(que tiña o sentido de mestizo ou de forasteiro non adaptado). En Cataluña tivo sempre un carácter despectivo que nos derradeiros tempos está a perderse xa que moita xente "importante" declarou ser charnega con orgullo. Un dos primeiros en declaralo foi Joan Manuel Serrat, mais tamén xente da política, dándose o caso de políticos independentistas como Josep Lluis Carod Rovira e Gabriel Rufián de Esquerra Republicana, ou Pasqual Maragall do PSC, o alcalde da Barcelona dos Xogos Olímpicos.
Estes días ando por Cataluña desfrutando de netos e netas, e dos seus pais e nais. Están en campaña electoral. Noto un gran cambio na xente desde as derradeiras eleccións ao Parlamento Catalán. O máis sorprendente é que nos bares síntese falar de política, cousa impensable fai poucos anos. Estes días o tema vai de Pedro Sánchez, mais tamén da gobernabilidade de Cataluña. Como dos temas xerais de Cataluña estamos demais informados polo interese que esperta o tema catalán na capital do Reino, que logo transmiten os medios, decidín falar con "charnegos" e "charnegas" e que me contasen como ven estas eleccións.
Reúnome cunha xente que xa hai uns anos que os coñezo. Nunca falei de política con eles. Ao meu carón teño a Arcadio Garrido, de Vilches (Jaén), veu a Cataluña con 19 anos xunto ca súa moza, agora esposa, a traballar de "paleta" e ela a "servir", leva xa 6 anos xubilado. A súa dereita está María José "Pepita" Gutierrez de Fraga (Huesca), veu de pequena, leva máis de 50 anos en Reus rexenta co seu esposo un negocio de material de alicatado (de marcas exclusivas, dime ela que o poña así). Do outro lado teño a Antonio Serrano naceu en Reus e seus pais son de Santaella (Córdoba), está na corentena e traballa nunha petroquímica en Tarragona. Comezamos falando de como están as cousas e coméntolles que mes gustaría saber a súa opinión dalgunhas cousas para contar en PontevedraViva. Empezamos co tópico, xa sabemos a resposta en moitos nacionalistas, pero en "charnegos" non, Espanya ens roba? (España róubanos?). Rinse. Arcadio comenta que xa lle aburre o tema pero sinceramente pensa que si, el sigue sendo andaluz, porén ve a riqueza que se crea ao seu redor e o pouco que repercute neles, que cando vai ao seu pobo natal non hai traballo pero si centro de día, sanidade, piscinas e outras cousas que el non desfruta aquí diso, que aquí sáelle caro. Sabes, e agora sabédelo vos—dinos Antonio—que eu son de Izquierda Unida, non son independentista. Meu avó foi fusilado na Guerra, meus pais e miña avoa pasaron moitas necesidades. Son tan catalán coma calquera da Diagonal. Mais penso que si, que España nos rouba, as autoestradas de peaxe están en Cataluña, País Vasco e Galicia, as de Madrid recuperánonas. Cóntanos que aquí a carón temos o Hospital de Reus, inagurado por Montilla, aínda non está pago. Duda si nos rouba España ou Madrid xa que, para el, si unha cousa funciona ben en calquera lado co paso do tempo vai para Madrid. Replícalle a Arcadio que no tema da sanidade están mal porque Convergencia fixo unha política de convenios e privatizacións, o que fai agora Ayuso en Madrid. Eu creo que non —conta Pepita—non nos rouban, aquí fixéronse as cousas mal e bótanlle a culpa España pola mala xestión que fixeron os de CiU, e os de agora por aí van. Co "procés" quentaron moito ao persoal e tapáronse moitas mentiras.
Cambiamos o tema e falamos sobre quen vai gañar. Concordan os tres en que quen vai gañar é Illa, non saben por canto pero téñeno claro, sobre todo polo que se fala na rúa onde eles viven. No que non se poñen de acordo é si gobernará ou non e con quen. Tanto Arcadio como Antonio teñen claro que vai gobernar con ERC, que ten que diferenciarse de Junts. Antonio ten claro que tamén van pactar cos seus de En Común Podem. Pepita di que debería gobernar só e facer pactos de goberno. Todos falan mal de Puigdemont, que foi un covarde por fuxir. Valoran moito a figura de Junqueras porque ven de Sant Vicentç del Horts da plataforma Súmate, que é unha plataforma de "charnegos pola independencia". Neste caso sáelles o orgullo de charnegos. Véselle nos ollos, non votarán a ERC, pero defenden a Junqueras. Sorprendeume ese cariño.
Cartaces da campaña na Plaça del Mercadal (Reus) diante do Museu Gaudí
A aparición de Aliança Catalana, un partido de ultradereita nacionalista que quere expulsar ao inmigrantes. Antonio ten medo que saque algún deputado e faga pactos como os de PP e Vox, para el os inmigrantes son o pan de cada día en Reus hai censados máis de 20.000 marroquís, pero que tamén hai xa, moitos sudamericanos, sobre todo na hostalería, pero—comenta rindo—temos rumanos, húngaros, ucrainos e de todo o mundo, non temos problemas de convivencia. A min que me asusta —di Pepita —son as mafias rusas. Ela traballa moito con inmigrantes pero cóntanos que hai unha cousa que lle sorprende: "cando vai ver unha filla que ten en Madrid non ve tantos estranxeiros (parace que quere dicir marroquís), agás sudamericanos, como os que se ven en Cataluña". Arcadio comenta que xa pasaba dos 60 cando veu por primeira vez a película de "Los santos inocentes", criárase nun cortijo coma o da película, víase retratado nos nenos da película, os pais eran como Paco e Régula, así que como non ía aceptar aos inmigrantes si, aínda que fora doutro xeito, el fora un, e o seu mellor amigo é marroquí.
Falamos do futuro, dos indultos, da amnistía. Todos defendían os indultos. No tema da amnistía tanto Antonio como Arcadio estaban a favor porque o vían como un avance e pensaban que había que calmar as augas, non lle vían outra saída máis que esa. Pepita tiña o "corazón partío", por un lado parecíalle ben sobre todo por xente, que coñece, que pouco fixo para todo o que lle pode caer enriba, porén polo outro quería que, alomenos, Puigdemont e Comín pasaran unha tempada no cárcere, por "agravio comparativo"—di ela—. Os outros bótanse a rir. Falan do futuro como si falaran das eleccións en outro calquera lado. Preocúpalles o futuro dos fillos ou dos netos. Son moitos os temas dos que falamos e, aínda que está a chover estes días, o tema da seca é moi importante para eles, tamén o da ampliación do aeroporto do Prat, a reindustrialización. Do como chegaron ata aquí pola que montou o PP ,con Rajoy ao fronte e aopiado por Alfonso Guerra, para tirar o Estatut que eles aprobaran en referendum por ampla maioría. Dous temas sobresaen entre todos, a mellora da sanidade e da educación, que segundo eles é un dos temas que xa se ven falando desde hai tempo en Cataluña.
Eu pregúntolle a todos, e o referendum? Concordan que vai saír na campaña, tamén nas negociacións pero que vai quedar aí que como me explican a xente fala das cousas de comer. Mira Euskadi—dime Antonio—como medrou Bildu, porque? Porque falaba das cousas de diario, das cousas de comer, pois aquí igual. E si insisten no referendum?—volvo a preguntar— Contéstanme facendo referencia a un de Pontevedra, no caso de insistir no referendum: "y si ya tal..."