O BNG de Cuntis culpa á "incompetencia e desleixo da Xunta" da "situación límite" no centro de saúde
Por Redacción
O Bloque Nacionalista Galego de Cuntis denuncia a "situación nefasta" que está a vivir o centro de saúde para pedir cita cos tres médicos do centro.
"Un problema que non é puntual", afirma a portavoz do BNG en Cuntis, Natalia Camiña.
Os nacionalistas explican que o centro de saúde ten as súas axendas pechadas pola non cobertura das baixas do persoal e esperas de ata 20 días para poder ter unha consulta.
A portavoz nacionalista, Natalia Camiña manifestou que "no BNG consideramos que non podemos permitir isto. Non se pode deixar que os veciños e veciñas de Cuntis paguen pola incompetencia e o desleixo na xestión da sanidade feita pola Xunta".
Natalia Camiña lembra que nunha reunión dos voceiros dos distintos grupos políticos municipais co xerente da área sanitaria de Pontevedra, "este afirmou que ía mellorar a situación do centro médico e que ía mandar un facultativo de reforzo algunhas tardes para acurtar a lista de espera ademais de cubrir a baixa de longa duración dun dos facultativos. Mais nada aconteceu".
"Por se fose pouco, seguimos sen servizo de pediatría que, por certo, ía estar en Cuntis e en Moraña", engade a portavoz do Bloque.
"Non somos cidadás e cidadáns de segunda. Demandamos unha atención primaria digna en Cuntis, que atenda áxil e adecuadamente aos nosos veciños e veciñas", concluíu.
Relacionadas:
-
José Flores responde as críticas pola cobertura médica no centro de saúde de Cuntis
Por Oskar Viéitez |
-
Benvida ás novas pediatras para Atención Primaria e o Hospital do Salnés que acadaron praza fixa por concurso
Por Oskar Viéitez |
-
O Sergas mantén que a praza de pediatría de Cuntis "dirimirase en breve"
Por Redacción |