Dous anos sen Jéssica: "Pedimos que se faga xustiza. Por ela e por todas as que xa non poden facelo"
Cando se cumpren dous anos do asasinato machista de Jéssica Méndez e na véspera de coñecer a resolución do xuízo contra José Eirín, a persoa acusada de matala, familiares, amigos e veciños da moza concentráronse para pedir xustiza.
"Hai xa 2 anos da morte de Jéssica e estamos aquí para honrar a súa memoria e que non se esqueza a tráxica forma na que morreu, na que foi asasinada", subliñaron tras a marcha silenciosa que protagonizaron este domingo entre A Barosa e o lugar do crime.
Alí realizaron unha ofrenda floral e gardaron un minuto de silencio en recordo da moza, lamentando que o 17 de marzo de 2022, "alguén decidise acabar coa súa vida e, de paso, truncase tamén a vida da súa familia e dos seus amigos".
Os achegados da vítima leron un manifesto no que censuraron que "o machismo existente nesta sociedade e a crenza de superioridade dalgunha persoa" provocase que un home "crera ter a potestade de poder dispoñer da vida de Jéssica arrebatándolla de maneira violenta e matando con iso as súas ilusións e proxectos de futuro".
Subliñaron que a violencia de xénero existe "porque aínda hai homes que a exercen", por iso tamén quixeron alzar a voz contra os maltratadores e reclamar "tolerancia cero" cos discursos sexistas e machistas.
"Por Jéssica e por todas as que xa non poden facelo, hoxe pedimos desde aquí que se faga xustiza", reclamaron os seus seres queridos, que aseguran que os avances dados para acabar con esta lacra "son insuficientes", porque os asasinatos de mulleres e nenas "son evitables".
Denuncian que a mala interpretación das leis ou as "lagoas" que hai nelas, permiten que asasinos e maltratadores estean fóra do cárcere sen cumprir as súas penas "cando o que realmente se merecen é non saír nunca delas e vivir ata o final dos seus días encerrados entre reixas".
Por iso é polo que apelasen á prisión permanente revisable para este tipo de criminais para "facer xustiza con todas as vítimas" e, nesta ocasión, para Jéssica "aínda que sabemos que por culpa dun asasino con nome e apelidos non a podemos ter máis entre nós".
Xunto coa resposta institucional e xudicial, "agora máis que nunca", engadiron, necesítase o apoio da contorna próxima das vítimas, "que adoita coñecer se unha muller sofre violencia de xénero" e ao que pediron que "non dubiden en denunciar estes malos tratos".
A este respecto, lamentaron que nos últimos anos xurdisen movementos antidereitos e discursos negacionistas da violencia de xénero, "que reforzan a maltratadores e acentúan a vulnerabilidade das vítimas, adormentando á sociedade ante a dor das vítimas".
Esta concentración celebrouse un día antes de que o xurado que deberá ditaminar o futuro de José Eirín, o home acusado de matar a Jéssica Méndez tras embestir o seu coche contra o dela, se reúna para alcanzar un veredicto tras cinco sesións de xuízo.
Relacionadas:
-
Berros de "asasino" e "culpable" e "satisfacción" entre os veciños de Jéssica: "Fíxose xustiza"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O xurado delibera nove horas sobre o crime de Jéssica Méndez sen lograr veredicto
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Unha marcha silenciosa e unha ofrenda floral lembrarán a Jéssica no segundo aniversario do crime
Por Natalia Puga |
-
O acusado do crime de Jéssica en Barro pide perdón: "Oxalá aquel día non collera o coche"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Garda Civil desarma a defensa de José Eirín: "Houbo unha conciencia e vontade do condutor de provocar a colisión"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Os forenses do crime de Barro: "As lesións eran de tal entidade que foi imposible que sobrevivise"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Jessica sentíase vixiada", relata a súa familia, con acoso "practicamente todos os días" durante "8 ou 9 anos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Me declaro inocente de asesinato, yo no sabía quién iba dentro del coche ni pude hacer nada"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |